Monday 29 de April de 2024

O Concello e TEX Moeche organizan unha xuntanza informativa sobre os proxectos eólicos


O encontro terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro o próximo 26 de abril ás 19:00h

Informarase das últimas novidades na tramitación dos parques Moeche e Badulaque, que en ambos casos reduciron o número de muíños proxectados

O equipo legal que asesora ao Concello tamén aclarará dúbidas sobre as cartas enviadas por ENEL ás propietarias e propietarios de terreos, nas que a eléctrica propón contratos de alugueiro a 30 anos

A empresa Enel Green Power, promotora dos proxectos eólicos Moeche e Badulaque, está contactando por carta coas persoas propietarias dos terreos afectados, de cara a alcanzar acordos de alugueiro por un período de 30 anos. Ante as consultas e dúbidas trasladadas ao Concello pola veciñanza, o Goberno local decidiu organizar en colaboración con TEX Moeche unha xuntanza informativa que terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade) o mércores 26 de abril ás 19:00h . Á reunión asistirá o equipo legal que asesora ao Concello para aclarar o contido dos escritos recibidos e explicar cales son as últimas novidades e modificacións con respecto a estes dous proxectos eólicos, e principalmente o PE Moeche por ser o que máis incidencia vai ter no territorio.

Cómpre recordar que nin Badulaque nin Moeche completaron aínda o seu percorrido administrativo e, de feito, hai tan só uns días a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia emitiu os informes favorables relativos á capacidade técnica, legal e económica da promotora para levalos a cabo.

Segundo se desprende do informe deste organismo sobre o P.E. Moeche, o proxecto do parque quedaría configurado con sete muíños -inicialmente eran 12- mantendo case intacta a súa potencia total instalada, que pasa de 53 a 50,4MW.

Porén nin o Concello nin a veciñanza coñecen o deseño final de toda a infraestrutura nin do emprazamento definitivo deses sete aeroxeradores que, segundo revela o mesmo informe, terían tamén máis capacidade de xeración, subindo de 4,5 a 7,2 MW de potencia individual “co mesmo diámetro de rotor e altura de buxa”, asegura a CNMC.

Mentres avanza a tramitación dos proxectos, a empresa promotora enviou a mediados de marzo cartas ás persoas propietarias dos terreos afectados pola instalación, co obxectivo de chegar a un acordo de alugueiro por un período de 30 anos. Nas misivas non se mencionan contías económicas nin tampouco outras condicións dese acordo, que se tratarían posteriormente con cada titular.

Co obxectivo de seguir informando á veciñanza, o Concello organiza coa colaboración do colectivo TEX Moeche unha xuntanza na que se trasladarán todos os datos dispoñibles sobre o proxecto, relativos ao deseño final do parque e ao seu estado de tramitación.

Ademais tamén se ofrecerá información dos tipos de contrato que adoitan ofrecer as promotoras eólicas e das cuestións que debemos ter en conta para asegurarnos de que se respectan os nosos dereitos e intereses. Neste sentido, desde o Concello séguese recomendando non asinar ningún tipo de acordo se non se coñecen ben os detalles do contrato e sopesar ben as súas implicacións, non só as económicas.

A xuntanza desenvolverase o próximo 26 de abril ás 19:00h no Centro Cultural Francisco Piñeiro de Abade. Nela participará o equipo legal que vén asesorando ao Concello sobre esta materia, quen ademais de informar tamén solventará dúbidas que poidan ter as persoas afectadas directa ou inderectamente polos proxectos eólicos.